A ASOCIACIÓN Galicia Fiddle
é unha organización sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é promover o emprego dos instrumentos de corda dun xeito alternativo.

Xorde no ano 2010 na comarca de Vigo arredor da aula de violín da ETRAD (Escola Municipal de Música Tradicional e Folk de Vigo), que serviu de aglutinadora de todos aqueles violinistas interesados na música tradicional e popular.

A principal actividade da asociación é a de organizar cursos cos mellores mestres de todo o mundo, así como a organización do encontro de verán San Simón Fiddle que ten entre os seus obxectivos crear en Galicia unha nova xeración de violinistas e chelistas que toquen música popular: folk, rock, blues, jazz etc.

San Simón Fiddle

É un encontro de música especialmente destinado á rapazada entre os sete e dezaoito anos, aínda que tamén cun itinerario xuvenil até os 25 anos, onde se combinan actividades musicais con outras de lecer e tempo libre.

Para participar é recomendable ter como mínimo un ano de coñecemento do instrumento. Non obstante, coa intención de ofrecer a posibilidade de ter un primeiro achegamento ao violín tradicional, poderá crearse un grupo destinado a principiantes no que non será imprescindible ter coñecemento algún do instrumento. Este grupo está destinado unicamente a socios de Galicia Fiddle e a asociación emprestará o instrumento se fora necesario.

A actividade musical diríxese fundamentalmente a promover o uso de instrumentos de corda dentro da música tradicional, co fin de descubrir outra forma de relacionarse co seu instrumento, que lles permita gozar facendo música independentemente do seu nivel técnico.

Encordass Fiddle Fest

Un encontro musical onde se combinan aulas de instrumento con concertos e obradoiros. Trátase dunha experiencia única construída dende a convivencia e o intercambio cultural, no que cada edición está dedicada á música popular dun país ou rexión.

O encontro Encordass celébrase dentro do primeiro fin de semana do Encordass Fiddle Fest na Illa de San Simón, cunha programación aberta ao público para os concertos e actividades paralelas, e con aloxamento e pensión completa para instrumentistas que asisten na modalidade de pase reducido ou completo.

Galicia Fiddle Orquestra

Creada como consecuencia natural dos encontros en San Simón, a Orquestra Galicia Fiddle é un proxecto educativo con repercusión internacional. Con motivo da celebración en Aberdeen (Escocia) da North Atlantic Fiddle Convention (NAFCO) 2018, máis de 40 participantes da Orquestra Galicia Fiddle tocaron no His Majesty’s Theatre de Aberdeen, o teatro máis grande do noreste de Escocia, con máis de 1.400 espectadores, dos cales a maioría foron músicos profesionais.

Contribúe a seguir difundindo a música tradicional
...e desfruta de múltiples vantaxes